10453081_751642154892932_4890205526564606110_o
Manifestación verán 2014 afeccionados CD Ourense (foto facebook CDO)

Non se pode entender a Unión Deportiva Ourense sen Club Deportivo Ourense. No triste verán de 2014 consumouse o fatídico destino do histórico club vermello. Sumido nun mar de débedas, esquecido totalmente polos máximos accionistas e as institucións só os seareiros intentaron por todos os medios a súa salvación.

Organizados na Plataforma SOS CDOurense os seareiros intentaron que o un club con 62 anos de historia non desaparecera. Sen embargo os seus intentos caeron en saco roto e Club Deportivo Ourense foi descendido administrativamente e posteriormente foi retirado da competición, entrando no proceso de liquidación.
Os membros da Plataforma e os seareiros, fracasado o seu intento de salvación de C.D.Ourense, seguiron reuníndose no emblemático campo do Couto buscando unha alternativa para seguir disfrutando do fútbol e para que a lembranza de Club Deportivo Ourense non quedará no esquecemento.

Por votación popular decidiron fundar un novo club de fútbol co nome de Unión Deportiva Ourense, sendo asinada a súa acta fundacional o día 10 de xullo de 2015. Inmediatamente despois o club foi inscrito no Rexistro de Entidades Deportivas da Xunta de Galicia e na Federación Galega de Fútbol.
Nacía así un club de fútbol propiedade dos seus socios, democrático e aberto a todos os que quixeran formar parte do proxecto.

En posteriores asambleas realizadas no Salón de Actos do Centro Cultural Marcos Valcarcel elexiuse por parte dos seareiros ás cores e o escudo de entre as propostas feitas polos propios afeccionados.
O club quedou encadrado no grupo 13 da 3ª Autonómica comezando unha frenética actividade para formar o cadro de xogadores e por en marcha o club. A parcela deportiva foi asumida pola Asociación de Ex xogadores de C.D.Ourense, tanto no que se refire ao primeiro equipo como á base. Antonio Dacosta, involucrado no proxecto desde o primeiro momento, foi nomeado entrenador do primeiro equipo e Perfecto Rodríguez “Peluso” coordinador da base.

Deseguida se sumaron ao proxecto ex xogadores de C.D.Ourense para formar o cadro de xogadores. Varios deles xa retirados pero que volveron a calzarse as botas por defender un sentimento. Nomes gloriosos da historia de C.D.Ourense como Adolfo, Ramón Dacosta,Santi ou Víctor Arias volveron a actividade. Tamén os seareiros se volcaron co novo club conseguindo en poucos días máis de 200 socios.
O primeiro adestramento tivo lugar na Universidade o día 11 de agosto. Nos seguintes días completouse o cadro de xogadores con moitos homes que pasaron por C.D.Ourense ou polos seus equipos inferiores. O novo club xa era imparable.

A Unión Deportiva Ourense xogou o seu primeiro partido, de carácter amigable, ante o Barbadás, club de 3ª división, o día 28 de agosto no campo dos Carrís. Venceron os locais por 5-0.
O debut oficial tivo lugar o 31 de agosto, nun día de calor infernal, nun partido da Copa Deputación B ante o Santa Teresita de 2ª Autonómica no campo dos Remedios. Foi a primeira vitoria da Unión Deportiva Ourense, que gañou por 3-1 clasificándose para a seguinte ronda da Copa. Adolfo foi o autor do primeiro gol da historia do club.

O estreno na liga chegou o 14 de setembro ante o Athletic Club Razamonde, tamén nos Remedios. Os unionistas golearon por 8-0 iniciando unha liga da que lograrían o campionato e o correspondente ascenso uns meses máis tarde.

Outro acontecemento importantísimo na curta historia do club foi conquerir xogar os seus partidos no campo do Couto. Ata preto da final da primeira volta o campo empregado como local foi o Campo Miguel Ángel dos Remedios, un recinto que enseguida se quedou pequeno para a numerosa afección que acudía aos partidos.

Despois de longas negociacións coa Xunta de Galicia, propietaria do campo do Couto, conseguiuse a súa cesión. A volta a casa foi o 21 de decembro, no penúltimo partido da primeira volta. O rival o Palmés. O ambiente no estadio foi excepcional con máis de 1.500 seareiros nas bancadas, os cales asistiron ao triunfo da Unión por 7-1 sobre o segundo clasificado.

Non podemos acabar este breve repaso a curta historia da Unión Deportiva Ourense sen facer referencia á afección. Este club non será nada sen o apoio da mesma. Un apoio que nesta primeira e frenética tempada foi abrumador con máis de 1.200 socios e abonados que non só acuden ao Couto a apoiar ao equipo, senón que tamén se desprazan por toda a xeografía ourensá para animar e estar ao carón dun club que é puro sentimento.

¡OURENSE SOMOS NÓS!