Adrián Presas, presentado coma novo xogador da UD Ourense

con No hay comentarios

Nun acto celebrado no estadio de O Couto, a UD Ourense presentou en sociedade a Presas, nova fichaxe do clube. O xogador deixou coma titular que non é un heroe, pero que ven para facer algo grande no Ourense.

Presas xa luce a elástica vermella da UD Ourense. O xogador compareceu ante os medios de comunicación no estadio de O Couto e posou para os compañeiros gráficos coa camisola do seu novo clube. O mediapunta estivo arroupado polo presidente, Modesto García e o adestrador, Fernando Currás.

O presidente comezou explicando que “trátase dun gran reforzo, que encaixa na filosofía do clube. Moita xente demanda un dianteiro que marque moitísimos goles e o mercado é o que é, e é moi difícil de atopar, pero nós como directiva debemos de mirar mais aló do día a día. Temos a obriga de dirixir o clube o máis coherentemente posible, pensando tamén a longo prazo, e por iso, estanse a decidir as cousas con calma e con pausa, pensando no futuro do club, na súa estabilidade e na súa solidez. Presas é un xogador que cumpre a filosofía do que se buscaba, un xogador de ataque, xove e nado en Ourense, que ademáis é fillo de Ney, que foi un xogador moi importante en Clube Deportivo Ourense, camisola, que por certo, tamén defendeu Adrián en categorías base”.

Modesto tamén quixo darlle una agarimosa benvida a Adrián e recalcou que é un xogador que cumpre a filosofía do clube. “Doulle a benvida e estou seguro, que suporá un golpe de aire fresco.  Isto son dinámicas es imos saír dela, a por todas, vaise gañar o partido do domingo e a partires de haí, agardar que empece unha xeira positiva, que nos leve a conseguir os obxectivos que nos expuxemos e que non temos que enmascarar, pero que iso non quita a aposta en firme pola nosa filosofía, na que priorizamos traer xogadores novos e ourensáns e que neles se vexan reflectidos os nenos da canteira.”, apuntou.

Modesto aproveitou para recalcar, que a destitución de Fernando Currás sería algo incoherente.  “Outros poden actuar botando adestradores a primeira ou facendo cousas totalmente incoherentes, pero non son un exemplo para nós. Aínda que teñamos pouca experiencia, o que temos é moito agarimo cara o club, o que fai que manteñamos esta filosofía, mais alá de resultados esporádicos e de certos momentos de xeiras negativas e iso fai que confiemos dende un principio do que ten que ser este club e mais en Fernando Currás”.

Fernando Currás tamén quixo dar a benvida a Adrián, sinalando que encaixa a perfección no perfil que se buscaba. “É un xogador que encaixa no perfil que buscamos e aínda que non haxa moitas novidades, a xente ten que entender que nós seguimos traballando para mellora o que temos. O que temos claro é que non imos hipotecar a saúde do club a calquer prezo, nin fichar por fichar. Xurdiu a opción de Adrián, que non é nova e cremos que pode mellorar o equipo no ultimo cuarto de campo. Unha das cousas que mais nos convenceu á hora de fichalo, son as súas ganas de estar, a súa ansia de ser futbolista, e iso valorámolo moito. Xogador ourensán con moito talento, con ganas de triunfar e que achega aire fresco. Non creo que veña coa bitola de heroe. Heroes e super heroes na ficción, él vén a axudar, a sentirse o mais cómodo posible, que é labor nosa. É aire fresco para axudarnos a afrontar este último tramo de tempada”.

O xogador comezou agradecendo a oportunidade que a UD Ourense lle está a dar e tamén se lembrou do seu anterior clube, o Ourense CF, para o que tivo boas palabras. “custoume bastante deixar o club no que estaba, o Ourense CF, porque me trataron dende o primeiro día moi ben e sobre todo dar as grazas ao presidente Camilo”. Tamén se dirixiu a Fernando Currás dicindo que, “grazas a Fer pola oportunidade que me está dando, e se me dá a oportunidade podemos darlle a volta a isto”.

Presas tamén sinalou que se trata dunha decisión deportiva. “Foi unha decisión exclusivamente deportiva. Ultimamente non estaba a contar con minutos no meu anterior club, é o primeiro ano en senior vindo da base e hai un mundo, é difícil adapatarse da base ao fútbol de verdade e ao principio logrei adaptarme e dispuxen de minutos. É certo que agora non estaba a contar con eles, e un profesional o que quere é estar no campo e últimamente non tiña esa oportunidade e xurdiume a oportunidade e estou moi ben e encantado de vir aquí”.

Tamén quixo recalcar as palabras de Currás. “Non son un heroe, veño a sumar e facer algo grande con este clube”.

“Todo futbolista quere pasalo ben competindo porque o podes pasar ben, pero se ao final non consegues o que te propós, non é fútbol para min, pero pódense conseguir os obxectivos pasándoo ben”, sinalou Adrián quen tamén apuntou que “o partido fronte o Campo Lameiro é un pouco urxente pola táboa de clasificación, pero creo que se pode gañar e divertir a todo o público que veña ao Couto”.

Sobre a súa posición comenta que se sente cómodo tanto de mediapunta coma de extremo. “Este ano xoguei mais pegado á banda, pero todo o mundo ten predilección por unha posición e eu síntome máis cómodo detrás do punta, haí polo medio divírtome mais xogando e síntome mais realizado. Decántome por media punta, pero xogarei onde Fer e o corpo técnico decidan”.

Adrián Presas concluiu cun momento nostálxico no que se acordou do seu paso pola base de CD Ourense e mandoulle ánimos a José Manuel Pico, membro da canteira do clube, o que dende o departamento de comunicación do clube nos sumamos. “Foron os meus mellores anos, con Pico, que dende aquí quería desexarlle unha pronta recuperación. Foron uns anos preciosos. A verdade que eu saía do fútbol sala do Colexio Mestre Vide e ía correndo a Salesianos para chegar ao partido na segunda metade e facer esas dobres sesións xogando en Club Deportivo Ourense e de alí dei o salto á canteira do Celta, polo que só teño boas palabras».