Por mor das obras que se están a realizar no céspede do Estadio de O Couto, a Unión Deportiva Ourense desexa informar aos seus seareir@s que os partidos de liga que non se poidan disputar no seu estadio pola non finalización antes do inicio da tempada 2023-24, celebraranse no Campo Municipal de Oira.
Ante as dificultades para atopar un campo no que dar cabida á nosa afección, e ante o ofrecemento do @Concello de Ourense das instalacións municipais de Oira, decidiuse aceptar dito ofrecemento polos seguintes motivos:
– Non haber no Concello de Ourense ningún outro campo apto para a disputa dos partidos.
– A facilidade e comodidade de acceso para os nosos afeccionad@s, doutro xeito terían que desprazarse a outra localidade, cos inconvenientes e molestias que iso suporía.
– Un aforo que permite acoller a un bo número de afeccionad@s, non habendo ningún outro campo de maior aforo do que dispoñer.
– A posibilidade, ao ser municipal, de instalar as lonas publicitarias dos nosos patrocinadores, permitindo que non se produza ningún quebranto nese apartado na economía do club.
Debido a estas razóns, buscando en todo momento o menor prexuízo tanto para a nosa afección como para a economía do club, e grazas ao ofrecemento do Concello de Ourense, o club estimou a elección do Campo Municipal de Oira como a mellor opción posible.
Tras múltiples reunións e correos mantidos, os responsables da obra transmitiron que a finalización estimada da parte da obra do céspede non irá máis alá da primeira cuarta parte da competición.
Confiase en que esta situación sexa transitoria, que a Xunta finalice o novo céspede canto antes, e poidamos voltar ao noso fogar en breve.
This website uses cookies to improve your experience. We'll assume you're ok with this, but you can opt-out if you wish. Leer más