Cortegada, último desprazamento da tempada

con No hay comentarios

A Unión Deportiva Ourense desprázase á vila de Cortegada para disputar o derradeiro partido da tempada a domicilio. Alí esperao un equipo que está xogándose o descenso de categoría por mor dos arrastres que provocarán os probables descensos de Verín e Polígono. Entre Taboadela, Francelos, Viana e o propio Cortegada estarán os dous equipos que poden verse abocados á 2ª Autonómica. Serán dúas xornadas cheas de tensión e emoción.

Unha vez perdido matemáticamente o campionato de liga tralo empate ante o Ribeiro no Couto o pasado domingo, aos ourensanistas tan só lles queda loitar polo triunfo pola honra e pola competición, que non é pouco.

O Cortegada sairá a por todas no seu campo de terra e tratará de dar a sorpresa como xa fixera contra o Bande hai ben pouco. Os do Ribeiro foron quen de empatarlle (2-2) hai cinco xornadas. Despois gañaron na Manchica (1-2) pero encadearon tres derrotas nos últimos tres partidos que o teñen loitando por escapar dos dous postos dos posibles arrastres.

No Manuel Rodríguez Meijón son un equipo complicado. Nesta tempada gañaron seis partidos (Xunqueira, At.Arnoia, Maside, Taboadela, Allariz e Francelos), empataron tres (Viana, A Peroxa e Bande) e perderon sete (Antela, A Manchica, At.Vilariño, Sp.Celanova, Monterrei, Velle e Ribeiro). A última vitoria na casa foi o 5 de febreiro ante o Francelos (4-1), despois catro partidos seguidos sen gañar o que lle complicou a permanencia.

Lembrar que na primeira volta a vitoria foi ourensanista por 2-0. Nun partido marcado pola suspensión momentánea debido a que un xogador do Cortegada negábase a abandonar o terreo de xogo tras ser expulsado. A pesares de quedar con nove xogadores dende o minuto 34 de partido o Cortegada vendeu cara a derrota e ata o segundo tempo non chegaron os goles ourensanistas.

Para este partido Antonio Dacosta non poderá contar con Sergio por sanción; Unai, Adrián e Hugo por lesión e Xurxo que está en proceso de recuperación. Moitas baixas, sobre todo en ataque cos tres dianteiros no dique seco.

O once inicial máis probable é o formado por Samuel na porta (seguen as rotacións con Lucas Sierra); Aitor, Tito Currás, Julio Martínez e Senén en defensa; Omar e Toni no medio do campo; Otero e Cristian nas bandas; Rubén Durán na mediapunta e Xaco en punta. No banco estarán Lucas Sierra, Marcos Sotelo, Fran Martínez e os xuvenís Diego Pousa e Benji.

Foto: www.camposgallegos.es