O venres presentouse a Germán Pérez Sotelo, nova fichaxe procedente do Barbadás, e anunciouse a renovación de Fran Martínez.
Germán é un defensa central que tamén pode xogar de medio centro defensivo de 26 anos de idade e con pasado ourensanista. Formado nas categorías inferiores do Pabellón chegou a xogar no xuvenil da División de Honra.
De alí pasou a C.D.Ourense na tempada 2009-10. Despois de dúas tempadas cos vermellos en 3ª División fichou polo Compostela de Preferente. Cos santiagueses estivo tres tempadas con dous ascensos consecutivos a 3ª División e 2ª B.
Despois dunha tempada en 2ª B co Compostela fichou polo Bergantiños de 3ª División. Á tempada seguinte chegou ao Barbadás, tamén en 3ª, no que estivo estas dúas últimas tempadas, chegando a ser o capitán. Na última sesión xogou 33 partidos e anotou 3 goles.
Agora afronta o reto de intentar ascender coa Unión Deportiva Ourense a 3ª División. Ogallá se repita a historia vivida en Santiago cos dous ascensos consecutivos do Compostela.
Pola súa banda Fran Martínez continuará unha tempada máis defendendo a camiseta unionista. Chegou a tempada pasada a 1ª Autonómica procedente do Verín da 3ª División. Non dubidou en enrolarse no proxecto ourensanista descendendo dúas categorías de golpe. A súa ilusión por xogar na U.D.Ourense puido máis que calquera outra cousa.
A tempada pasada problemas co horario laboral para poder adestrar e inoportunas lesións lastraron o seu rendemento, pero cando estivo en perfectas condicións deu mostras da súa enorme calidade. En total xogou 23 partidos anotando 5 goles.
Foto: Yedra Seara