A un gol da remontada, 1-2 en Bande

con No hay comentarios

Era moi complicado. O 0-2 da ida engadido ás moitas baixas coas que acudimos a Bande puñan moi costa arriba a remontada. A pesares de todo o equipo deu a cara en todo momento e estivo a piques de rachar todos os pronósticos. A vitoria por 1-2 foi insuficiente, faltou un gol, pero todos os ourensanistas marcharon satisfeitos de Bande.

Se xa era difícil remontar o 0-2 todo se complicou co gol do Bande aos 9 minutos. No seu primeiro achegamento á porta de Lucas Sierra forzaron un córner que foi rematado por Marcomes ao fondo da portería. Outra vez as xogadas a balón parado lle deron froito contra o Ourense.

Este gol deixou tocados aos ourensanistas que pasaron por momentos de apuro, con dous balóns ao pao do Bande. Pero na recta final da primeira metade reaccionaron e Senén puxo o empate tamén ao rematar un córner. Foron os mellores momentos do Ourense que a piques estivo de facer o segundo antes do descanso.

Na reanudación sairon volcados sobre a porta do Bande e Cristian fixo o 1-2 de axustado lanzamento dende a frontal da área. Quedaban case 40 minutos para buscar o terceiro e darlle a volta a eliminatoria. Marcos Sotelo dispuxo da ocasión máis clara pero o seu remate saiu alto despois de que Piollo parase un tiro de Otero.

Ata o final do partido o Ourense nunca deixou de buscar o gol pero a defensa local estivo a gran altura. Tamén o Bande buscou sentenzar a eliminatoria nalgunha contra pero Lucas Sierra estivo moi acertado cando tivo que intervir. Finalmente vitoria ourensanista insuficiente, pero que fixo sufrir aos locais ata o pitido final.

Foto: Yedra Seara