Obxectivo terceiro posto para o equipo feminino

con No hay comentarios

A competición na 1ª Autonómica de fútbol feminino chega a seu fin. As ourensanistas teñen como reto nesta última xornada manter o terceiro posto conquistado a semana pasada ante o Portonovo. Para elo teñen que facer o mesmo resultado que as pontevedresas. O máis probable é que necesiten a vitoria xa que o Portonovo xoga na casa contra o San Miguel, antepenúltimo clasificado.

Xa que logo hai que ir a polo triunfo ante o Victoria B na Coruña. Un rival da zona media-baixa que ultimamente parece non estar no seu mellor momento de forma cunha vitoria nos últimos oito encontros disputados, aínda que a xornada pasada foron quen de puntuar ante o difícil Sárdoma B en Vigo. As coruñesas están obtendo mellores resultados a domicilio que na súa propia casa onde tan só gañaron catro partidos, empataron un e perderon oito.

De conseguir o terceiro posto as nosas rapazas redondearían unha gran tempada na súa estrea na 1ª Autonómica, a pesares dos constantes problemas de lesións e ausencias de xogadoras por motivos laborais. Como non podía ser doutro xeito para desprazarse á Coruña Rubén García tan só poderá contar con 14 xogadoras. A lista de convocadas é a seguinte: Noe, Pacy, Lo, Andrea, Moni, Dana, Hele, Palo, Cae, Laura, Aida, Feijoo, Zaira e Aldara.