Unha vitoria ante o Velle o domingo desataría a festa polo ascenso, o terceiro consecutivo, no Estadio do Couto. Para logralo haberá que vencer a un dos rivais máis complicados da categoría. O Velle marcha no terceiro posto e fóra do seu campo son un equipo temible.
De 13 partidos lonxe do Monte de Aira gañaron 8 (Antela, Ribeiro, Xunqueira, Viana, Maside, A Peroxa, A Manchica e Cortegada), empataron 3 (At.Arnoia, Allariz e Monterrei) e tan só perderon 2 (Bande e Taboadela, os dous por 1-0). Dende o 30 de outubro (xornada 10) cando caeron ante o Taboadela, a súa besta negra esta tempada, non volveron a perder. Acumulan dende aquela 6 vitorias e 2 empates, o que fala ben as claras do seu perigo como visitante.
Como vemos un durísimo rival que esixirá a mellor versión dos ourensanistas, tal e como aconteceu na primeira volta onde gañamos por 1-2 con goles de Rubén Durán e Hugo. O Velle, xunto ao Ribeiro, foron os equipos que máis empeño puxeron na loita polos dous primeiros postos. Sen embargo o ritmo infernal marcado por Bande e U.D.Ourense acabou por descolgalos da loita con moitas xornadas de antelación.
Espérase unha gran asistencia de público para un partido que pode ser histórico. Ascender na casa é outra cousa como aconteceu a tempada pasada coa vitoria sobre o Arrabaldo (3-2) remontando un 0-2.
Antonio Dacosta convocou a 17 xogadores. Antes do partido fará un descarte. Son baixa por lesión Hugo e Toni. En canto ao once inicial o adestrador ourensanista manexa dúas alternativas para a punta do ataque, Adrián ou Unai. Os outros dez serán: Lucas Sierra na porta; Otero, Tito Currás, Julio Martínez e Senén en defensa; Aitor e Omar na media; Fran Martínez e Cristian nas bandas e Rubén Durán na media punta. No banco estarán cinco destos seis homes: Samuel, Xurxo, Sergio, Xaco, Marcos Sotelo e Adrián ou Unai.
Foto: Periódico Barrios