Esta fin de semana botou a rodar a canteira e fixoo con varios encontros dos nosos rapaces, nos que amosaron que a base non solo segue sendo un dos alicerces do club, senón que ano tras ano, vanse producindo avances importantes. A estrea das nosas novas instalacións en Miraflores e a chegada de Diego Soto á coordinación das categorías base foron as grandes novidades, xunto coa primeira participación en Liga Galega, dunha das nosas categorías de formación, coma a do equipo Cadete, nunha competición autonómica.
Xuvenís
UD Ourense 1-1 CD Velle
Debut do conxunto xuvenil na categoria, ante un dos rivais directos na loita pola pelexa do ascenso. O equipo dirixido por Agustín Ruíz acadou un empate nun encontro no que houbo unha parte de dominio para cada equipo. Adiantáronse os nosos gracias a un tanto de penalti de Kike. Varias boas oportunidades na primeira metade con Javi impondo o ritmo do xogo e Benji facendo de puñal pola banda. O cancerbeiro visitante estivo moi acertado para evitar o segundo. Xa na segunda metade, chegaría o tanto do Velle, a falta de 15 minutos para o remate do encontro. Deste xeito, asinábanse as taboas entre dous dos máximos aspirantes a xogar a fase de ascenso.
Xogadores destacados: Miguel, Kike e Javi
Cadete A
UD Ourense 0-0 Bora CF
Estreábanse os cadetes na Liga Galega, feito histórico ó tratarse da primeira sección das categorías base da entindade, en facelo nunha categoría autonómica. Primeiro punto que suman os de Luis Vilachá e David Valderas, nun encontro moi desputado e no que a intensidade e a igualdade foi a gran reinante. Os nosos gozaron dalgunhas boas oportunidades para adiantarse no marcador, pero non andiveron atinados de cara a porta. Tampouco o rival, que se topou cun muro iniciado por Bruno baixo paos e secundado pola zaga. Ó final partido sen goles no marcador e primeiro punto da historia dun equipo da UD. Ourense en Liga Galega.
Xogadores destacados: Marcos Jesús, David e Antón.
Cadete B
SD Chantada 2-2 UD Ourense
O conxunto adestrado por Luis González rendía visita á SD Chantada. Os ourensáns atopáronse cun rival que dominou os primeiros 15 minutos, dispondo de dúas boas ocasións para adiantarse no marcador. Estes pequenos sustos provocaron unha reacción inmediata dos nosos, quenes se viñeron cara riba na procura de ocasións e comezaron a xerar máis perigo. Donovan adiantaba ós nosos a 4 minutos para o final do primeiro tempo.
Na segunda metade, o partido abriuse máis e os dous equipos buscaban o gol. Empatarían os locais gracias a un tanto de Miguel. Antonio voltaba adiantar os ourensáns a pouco menos de 20 minutos do final, pero unha contra cando os nosos estaban á busca da sentenza, provocou o empate definitivo da SD Chantada.
Xogadores destacados: Miguel, Donovan e Yoel.
Infantil A
Santa Teresita 2-5 UD Ourense
Na mañá do domingo, chegáballe a quenda ó conxunto infantil adestrado por Bruno Gómez, que rendía visita a Santa Teresita en partido de Copa. O equipo vermello impuxo a súa lei na primeira metade, cando gozou da posesión e de varias ocasións claras. Deste xeito, os 18 minutos os nosos xa dominaban o marcador cun 0-2, gracias os tantos de Hugo e Mesfin. Salientar tamén o bo facer do cancerbeiro Nacho, que evitou dúas ocasións claras dos locais, unha delas sacando o pé nun man a man co dianteiro.
Xa na segunda metade, o Santa Teresita saiu a portadas e acurtou distancias ó pouco da reanudación. O tanto, lonxe de fundir ós nosos, supuxo un espertar en forma dun novo tanto, obra de Mesfin. Gabri ampliaba a vantaxe a saída dun saque dende o curruncho. O Santa Teresita tentouno, pero topouse con Dani que tamén rendeu a gran nivel baixo paus. Os locais anotarían o 2-4 e Hugo no desconto faría o 2-5 definitivo.
Xogadores destacados: Hugo, Mesfin, Dani, Nacho y Pablo.
Alevín
O sábado, o noso alevín de primeiro ano, desputaba o II torneo internacional de categoría alevín organizado por Be One e o Santa Teresita, patrocinado polo concesionario e patrocinador principal da nosa base Garza-Mercedes Benz.
A nosa participación era unha incógnita debido a que apenas se realizaron adestramentos e a que varios dos nenos era a primeira vez que xogaban xuntos. Aínda así o rendemento do equipo durante o mesmo foi dun gran nivel. Comezamos encadrados no grupo «A» xunto CD.Velle, Pabellón e Ourense C.F.
No primeiro partido fronte ao CD.Velle, o equipo comezou moi concentrado e sen dar opcións ao rival na elaboración do seu xogo. Así pronto chegarían os primeiros goles que nos puñan en vantaxe, sen perder en ningún intre o control do partido, ante un bo Velle. Os goles foron obra de Roi, Íker e Pablo, sendo os xogadores máis destacados Jesús e Roi.
No segundo encontro enfrontámonos ao favorito a priori, o Pabellón, pero unha vez máis os nosos pequenos xogadores mostraron a súa motivación, esforzo e calidade plantándolle cara en todo momento a un gran equipo. O partido foi de gran igualdade, e cara aos minutos finais o noso dianteiro Pablo lograba o empate nunha gran xogada que rematou por dúas veces. Finalmente nos penaltis o partido decantaríase a favor dos pabellonistas. Destacaron neste encontro as achegas de Brais e Pablo.
No último partido do grupo, xogabámonos a clasificación ás semifinais fronte o Ourense C.F. Dende o principio os nosos alevíns xogaron con soltura, e cun xogo combinativo que pronto tería o seu froito no marcador. O partido foi de claro dominio pola nosa banda sen temer en ningún momento polo resultado, dispondo mesmo de ocasións para ampliar o marcador e sendo destacable o partido realizado por Xabi, Demian e Mateo. Os goleadores neste partido foron Xabi por partida dobre, Roi e Demian.
Finalmente en semifinais enfrontámonos ao Barbadás. O partido comezou moi ben para os nosos intereses, xa que mediada a primeira metade gañabamos por 2-0 con goles obra de Demian e Roi. Así chegariamos ao descanso. Con todo na segunda metade o Barbadás adiantou liñas, e nuns minutos de descoido pola nosa banda lograrían remontar o resultado grazas a golpeos afastados que lograron sorprendernos. A pesar diso o equipo non se rendeu, e mediante o seu característico xogo combinativo tratou de igualar o encontro pero a diferenza xa foi insalvable. Destacaron Íker e Pablo.
En resumo, unha gran participación dos nosos alevíns de primeiro ano que deron unha moi boa imaxe e sendo, sobre todo, un exemplo de comportamento.
Felicitamos a todos os equipos participantes, nunha xornada de diversión e deportividade, na que se puido visualizar que as canteiras ourensáns están preparadas para dar o mellor de sí esta tempada.