Rubén Durán de penalti decidiu o partido na Manchica (0-1)

con No hay comentarios

Custou pero ao final os tres puntos viñeron para a capital grazas a un gol de penalti de Rubén Durán no minuto 83. A falta foi clara sobre o Otero, pero os locais protestaron a decisión xa que consideraban que antes houbera unha falta dos ourensanistas que o árbitro non sinalou, a pesares de ter levantada a bandeirola o asistente.

Partido disputado nunha tarde de intenso calor cuns 200 afeccionados no campo das Escolas, que presentaba un terreo de xogo moi duro onde o balón botaba moito, o que facía difícil o seu control. O dominio ourensanista foi total ao longo do encontro co equipo local buscando a contra con balóns en longo sobre o seu dianteiro centro e goleador Pablo Bande, ao que poucas veces atoparon.

O Ourense contou con boas opcións para abrir o marcador moito antes do minuto 83 pero as boas intervencións do porteiro local unhas veces, e outras a falta de puntería dos ourensanistas mantivo o partido vivo ata o final do mesmo. Adrián, Omar, Senén, Rubén Durán e Hugo rozaron o gol en varias ocasións pero non atoparon porta e houbo que esperar aos últimos minutos para decantar o triunfo.

Como o Bande tamén gañou (5-3) ao Allariz, manteñen a vantaxe de cinco puntos cando faltan nove por disputar. Cada vez máis complicado o primeiro posto pero a seguir loitando, alomenos por acadar as 100 vitorias en partidos oficiais se gañamos os tres que faltan.

Foto: Yedra Seara