Os partidos entre o At.Arnoia e o Ourense nunca defraudan. Onte na Regueiriña de Barbantes asistimos a outro partido entre ambos equipos cheo de emoción, intensidade, loita e polémica, con dous goles anulados (un por bando), un gol pantasma de Hugo e catro expulsións (tres o At.Arnoia e unha o Ourense). Houbo de todo, como o habitual gol ourensanista no desconto, que esta vez serviu para salvar un punto.
Un punto que nos permite alonxarnos a 14 do terceiro clasificado, agora o Ribeiro despois de gañarlle 0-3 ao Velle, pero que nos distancia do Bande en catro punto despois de que gañaran no desconto ao Maside por 1-2.
O Ourense comezou moi ben o partido en Barbantes. Cun 4-1-4-1 con tan só Aitor como mediocentro e catro medias puntas, con Rubén Durán e Fran Martínez por dentro e Unai e Xaco por fóra debido ás baixas no medio do campo, deseguida comezamos a crear perigo. Aos 4 minutos foille anulado un gol a Unai por fóra de xogo e no 20 xa nos adiantamos no marcador ao aproveitarse Julio Martínez dunha mala saída do porteiro local.
As cousas inda se puxeron máis de cara coa expulsión do xogador local Hugo aos 32 minutos por dobre cartón amarelo, por interrumpir un saque de falta e, seguidamente, por aplaudirlle na súa cara ao árbitro. Hugo tivo a ocasión de facer o 0-2 pero o seu remate petou no longueiro e botou dentro?, fóra?. O caso e que despois do gol pantasma chegou o empate por mediación de Bruno que superou a Lucas Sierra na súa saída.
A pesar deste contratempo con todo o segundo tempo por diante e un home máis eramos optimistas en canto ao desenlace do partido. O dominio foi totalmente noso pero as ocasións sucedéronse diante da porta local sen chegar a superar ao seu porteiro. Hugo tivo a máis clara pero o seu remate foise fóra. Rubén Durán e Cristian tamén gozaron de boas ocasións pero entre o porteiro e a falta de puntería ía pasando o tempo.
A entrada de Oli deulle vida aos locais en ataque e no minuto 88 puxo por diante ao seu equipo nun dos escasos achegamos do At.Arnoia á porta visitante. Nese intre xa estabamos 10 contra 10 pola rigurosa expulsión de Fran Martínez por dobre cartón amarelo. Despois do gol foi expulsado o local Paco por dobre amarela, e xa no último minuto do desconto Cristian anotaba o empate de gran disparo. Na celebración do gol polos seareiros ourensanistas foi expulsado o xogador local Miguel, que xa estaba sustituido, por encararse e provocar aos afeccionados ourensanistas. Así rematou este tolo partido.
Como datos estatísticos aportados por Xorxe Paz sinalar que Julio Martínez anotou o gol 400 da nosa historia, Xaco xogou o seu partido número 100 coa camiseta ourensanista e Cristian Dacosta anotou o seu gol número 50 nas dúas tempadas que leva no equipo.
Foto: Yedra Seara.
One Response
Ourense Deportivo – Salvamos un punto nun partido tolo
[…] entrada Salvamos un punto nun partido tolo aparece primero en Unión Deportiva […]