SD Torre 0-3 UD Ourense: Vitoria e grandes sensancións baixo a choiva coruñesa

con No hay comentarios

A UD Ourense superou con claridade o SD Torre, na súa visita a terras coruñesas. As vermellas adiantáronse os 20 segundos do inicio do partido e foron moi superiores o seu rival. Emma, Dana e Cris foron as autoras dos goles.

Segunda vitoria consecutiva das rapazas que adestra Rubén García nunha semana importante, na que recortan puntos cos postos de cabeza. As vermellas recuperaron ante o Boiro a súa moral e recargaron as pilas a domicilio, algo que lles permite ascender a quinta praza, a tan só 4 puntos do terceiro, o Interrías.

O encontro de hoxe tivo pouca historia, con dúas partes ben diferenciadas e con dous momentos claves que marcaron o encontro e que foron decisivos para a vitoria das vermellas. Dous tantos, un anotado o comezo de cada parte, foron un oso duro de roer para as locais, que non se repuxeron do mazazo e que claudicaron no segundo acto, baixando o pistón e deixando facer as vermellas.

O encontro non puido comezar de mellor maneira, xa que nada máis sacar de centro o Torre, Aída roubaba o coiro a unha rival e habilitaba a Emma, que se botou cara adiante e alcanzou a portería, batendo a porteira cando aínda non se había cumprido nin o minuto de xogo. Un tanto en menos de 30 segundos, dos máis rápidos da tempada e que permitía as hoxe visitante entrar no encontro da mellor maneira e vivir de rentas.

A pesar do tanto inicial, a primeira metade non foi sinxela. As locais plantaron cara e non permitiron un xogo fluído. Cun esquema moi pechado e moitas axudas en defensa, as herculinas lograron non encaixar máis tantos nos primeiros 45 minutos. Moita intensidade sobre o céspede e moita choiva, o que cargou o campo e as pernas das xogadoras. As ourensás tiveron un par de ocasións, pero non acertaron a ver porta. Noe, apenas tivo traballo e o ataque das locais non andivo moi atinado.

Tralo paso por vestiarios chegaría un novo subidón para as nosas, cando antes de cumprirse os dous minutos, Dana enviaba o coiro o fondo da rede. Gol psicolóxico, segundo e que xa fixo mella definitiva nun rival que baixou os brazos e deixou facer as ourensáns, que imporían a súa lei durante o resto de minutos, controlando o coiro, chegando con perigo e probando a meta local, que estivo bastante atinada para evitar a goleada.

Foron 45 minutos de monólogo ourensanista, de chegadas continuas, de perigo en cada acción e de dominio do coiro. Cris pecharía o resultado nos últimos minutos, logo de varios rexeites a remates de Aída e Nerea. A primeira topouse co pau, a segunda ca gardarredes e a terceira colocou o balón no interior da rede.

Con 0-3 chegouse o final e as vermellas suman 3 novos puntos na súa loita por alcanzar os postos altos da táboa. De momento, xa son quintas e achéganse o Interrías. As primeiras dúas prazas, parecen cada vez máis decididas. A próxima xornada, chegaralle o turno o Victoria FC «B», que visita Ourense. Oportunidade de ouro para sumar 3 novos puntos e encadear unha racha de tres vitorias consecutivas.