UD Ourense 1-0 SD Nogueira: Terceiro derbi e terceira vitoria consecutiva

con No hay comentarios

A UD Ourense suma o seu terceiro triunfo consecutivo e consolídase na segunda praza. Fran Martínez, o cazar un balón rexeitado pola zaga do Nogueira na saída dun saque de curruncho, foi o autor do tanto da vitoria. Poucas ocasións e moita loita na medular, aínda que a posesión repartiuse máis a favor dos vermellos.

O Ourense segue sumando de 3 en 3 en O Couto e tamén de 3 en 3 nos 3 derbis disputados nas últimas 3 xornadas. O 3 xa é un número sagrado para a parroquia vermella, pois tamén son 3 os encontros consecutivos nos que os de Fernando Currás manteñen a súa porta a 0. O equipo segue crecendo e amosando os seus credenciais para aclimatarse a calquera rival. A semana pasada tocou facelo en Bande, ante un deses equipos que non son de practicar un fútbol de salón e que optan por outras estratexias e onte, ante un Nogueira correúdo, que non permitiu achegamentos de perigo e que plantou cara os locais.

O partido estivo marcado pola ausencia de espazos e ocasións e pola intensidade amosada por ambos contendentes. O céspede aguantou, a pesares do partido matinal que tivo que soportar, aínda que o fútbol esta vez non foi consecuente cos afeccionados, que volveron poboar a grada de Tribuna, esa que xa é unha catedral para o ourensanismo e que se enche de colorido única e exclusivamente cada fin de semana que os vermellos saltan o céspede.

Os primeiros minutos foron de tanteo, sen un dominador claro e con ambos conxuntos moi ben plantados sobre o terreo de xogo. Abel Afonso contaba con baixas importantes, coma a de Bruno, que non puido pisar o céspede do estadio do seu anterior equipo. Currás apostou por poucas variacións, con Codeso no lateral esquerdo en detrimento de Oli.

Alfredo tivo a primeira cun remate dende a frontal que se estrelou contra o longueiro. Todo apuntaba a prolegómeno de monólogo, pero acabou quedando en loita, intensidade e poucas ocasións. Os vermellos, eso sí, foron moi superiores na primeira metade e monopolizaron os ataques ante un Nogueira moi repregado e que se defendeu da mellor das maneiras. Germán, nun saque de curruncho, puido inaugurar o marcador, pero non estivo acertado na definición. Tampouco Hugo minutos despois, que remataba fora un pase dun compañeiro.

Pasaban os minutos e o gol non chegaba, aínda que os nervios non facían tampouco acto de aparición. Era cuestión de tempo. Tempo que tivo Fran para enviar o coiro o fondo da rede, o rematar un rexeite da zaga barallete tras un saque de curruncho de Alfredo. O de Verín recibiu na frontal totalmente libre de marca, controlou o coiro, pensou onde situalo e sacou un zapatazo imposible para o gardarredes.

Con 1-0 chegouse o descanso. Todo facía presupor unha segunda parte moi aberta e chea de emoción, pero sucedeu todo o contrario. Ben é certo, que o Nogueira deu un paso adiante e tentou inquedar a Pato, pero a falta de efectividade condenou os de A Tella, que apenas tiraron entre os 3 paus. Eso sí, a posesión foi moito máis disputada.

Pouco que auntar dun segundo acto no que o máis destacado foi un remate de Adri cando o encontro encaraba a súa recta final, pero Gándara fixo un paradón e evitou o segundo e sentenza dos vermellos. Tamén a tivo Unai a pase de Charly no desconto, pero o coiro non quixo entrar.

O final, vitoria por 1-0, terceira consecutiva e terceira seguida nos tres derbis ourensáns disputados nestas últimas tres xornadas. Tres novos puntos para seguir na segunda praza, de ascenso directo. As sensacións son boas, agora chega o momento de referendalas en Gondomar.