A UD Ourense cae derrotada na casa fronte o Deportivo «B», nun partido no que se deu a cara ante un dos rivais a batir da liga, dispoñendo de ocasións para sacar algo máis positivo. As lesións e as baixas condicionaron o choque.
A mala sorte segue a cebarse co conxunto que adestra Rubén García. As xogadoras vermellas continúan a sumar mancadas e só dispuxeron de 13 futbolistas para comezar o partido, despois de que Pacy e Emma foran baixa de última hora por enfermidade, sumándose deste xeito a Jani. Pese a todo, as xogadoras deron unha boa imaxe e fixeron un gran encontro, dando moito traballo ao rival e superandoo en varios intres do encontro.
O partido arrincou cun tanto das herculinas, que se adiantaron cedo no marcador por mediación de Michelle, que aproveitou un rexeite tras un erro da zaga á hora de marcar e defender un lanzamento de falta. O tanto supuxo un xarro de auga fría para o equipo, pero non se amilanaron as nosas, e fóronse ó ataque na procura do empate.
As vermellas disporían de ata 5 ocasións para acadar o empate antes do descanso, pero a boa labor da meta rival impediu ás vermellas ver porta nos primeiros 45 minutos. Moi activas Aida e Laura, que ante a baixa de Emma guiaron o equipo nas tarefas ofensivas. As visitantes non estiveron atinadas e deixaron facer as locais, namentras que intentaban inquedar a Noe en algunha contra, pero a cancerbeira estivo moi acertada, impedindo máis tantos das coruñesas.
Tralo polo paso por vestiarios chegou o tanto das ourensás, que igualaron a contenda por mediación de Zaira, que aproveitaba un gran pase entre liñas de Aida, tras un roubo de coiro de Dana para igualar a contenda. O gol foi o premio a constancia dun equipo que anteriormente xa avisara por mediación de Nerea.
Co empate, chegaron as malas novas para o Ourense, que perdía a Zaira por lesión e minutos despois a Dana, quedando sen trocos no banco. Noe multiplicábase e desbarataba unha nova oportunidade das herculinas, que coa frescura das recén incorporadas, daba un paso adiante na procura do tanto da vitoria.
Co partido encarando a recta final e as nosas desfondadas polo gran partido físico feito, chegou o tanto de Lidia, que puña por diante ás visitantes. Cun tanto abaixo, as nosas dispuxeron de unha nova oportunidade para voltar a igualar o partido, pero topáronse con Jessica, que voltaba desbaratar a oportunidade de gol das locais.
Coas vermellas volcadas, chegou o tanto da sentencia de Vero, que deixaba o 1-3 definitivo no marcador. Gran partido das nosas rapazas ante un rival da parte alta no que loitaron e deron a cara ata o final. As lesións e as baixas privaron as nosas de comezar o 2018 cun mellor resultado. Agora a pensar no Sárdoma «B», que visita Ourense a vindeira semana.
PREME NA SEGUINTE LIGAZÓN E VISUALIZA A REPORTAXE FOTOGRÁFICA DO ENCONTRO
https://flic.kr/s/aHskradAr8