A UD Ourense supera a O Grove nun encontro marcado polas malas condicións do terreo de xogo e a desputa táctica por impoñerse na medular. Fran abriu o camiño e Alfredo fixo o segundo para os vermellos. Pato, cunha gran actuación, logrou manter a porta a cero. Tres novos puntos para seguir na parte alta da táboa.
O Ourense segue crecendo e sumando na loita por acadar o seu obxetivo de cara á fin de tempada. O conxunto adestrado por Currás voltou amosar o seu poderío coma local e impúxose a un correoso Grove. O conxunto visitante plantexou un partido moi físico, coas liñas de presión moi arriba e tentando afogar a saída de balón dos nosos. A efectividade marcou as diferenzas, ademais da gran actuación de Pato, que tivo máis traballo do habitual e que solventou con nota as chegadas de perigo do rival.
O envite arrincou cunha pancarta reivindicativa de ambos clubes contra os lumes que asolaron Galicia nas últimas semanas. O Ourense vestiu de negro coma homenaxe as vítimas desta traxedia, tanto humanas coma paisaxísticas. Gardouse un minuto de silencio polos finados e tamén por Mirlo, ex xogador de CD Ourense recentemente falecido.

Co pitido inicial comezou un encontro no que os primeiros minutos foron de moito tanteo e de disputa pola posesión do coiro. Os visitantes saíron a anular o xogo combinativo dun Ourense que sempre ten un plan “B” para cando os partidos se lle complican e non pode despregar o seu xogo. Hoxe o terreo de xogo tamén fixo de hándicap, dado o mal estado no que se atopaba tralo encontro desputado na matinal polo outro equipo con dereitos a empregar o estadio de O Couto.
Co paso dos minutos, os vermellos foron facéndose co control do xogo. Joni tivo a primeira ocasión manifesta do partido, cun remate o pau tras un gran centro de Oli. O “Suízo” como agarimosamente se lle coñece no vestiario, fixo as labores de 9 durante gran parte da contenda.
O partido entrou nunha etapa de pouco fútbol, moita desputa e un ida e volta. O Grove tamén chegaba sobre a meta de Pato e obrigouno a intervir nunha xogada na que tivo que deter en dous tempos tras un saque de curruncho. O uruguayo sería hoxe determinante para acadar un resultado positivo.

Pasaban os minutos e ningún lograba impoñer o seu xogo, ata que chegou o primeiro tanto do encontro. Rubén Durán roubáballe a carteira a un rival e deixaba o coiro para Alfredo, que tras romper o seu marcador, daba un pase da morte que aproveitaba Fran para marcar a pracer. O gol foi un mazazo para os visitantes, que xa non se recuperaron antes do descanso.
Tralo descanso, o conxunto dirixido por Nel saiu moito máis motivado e puxo cerco á área de Pato con chegadas de perigo. O cancerbeiro evitou o empate salvando un mau a mau diante de Dieguito, na ocasión máis clara para os visitantes. Foron os mellores minutos do Grove, ata que espertou o Ourense. Currás deu entrada a Adrián por Germán e o equipo recompúxose, con Luis retrasando a súa posición, Durán descolgándose a mediapunta, Joni escorándose á banda e “The Kid” ocupándose das labores de 9.
Sería o recen entrado no campo o que daría a asistencia do segundo. Erro da zaga rival, Adrián sae co coiro por banda, marcha en velocidade do rival e da un pase ó interior da área, que recolle Alfredo para batir a Toño. Os ourensáns golpeaban de novo e moralmente cando pior o estaban a pasar.
Ambos técnicos decidiron facer trocos, buscando refrescar os seus equipos, que levaban un cansanzo acumulado importante, debido principalmente ó estado do céspede, que cargaba as pernas e evitaba un xogo máis fluído. Unai, un dos recén entrados ó terreo de xogo, protagonizou unha das xogadas do partido, tras romper a dous rivais con sendos caneos por banda e adentrarse na área. O extremo era derrubado por un zagueiro do conxunto visitante, pero o colexiado non decretou nada.
O Grove aínda tería unha boa ocasión para recortar diferenzas, pero Pato voltaba evitar o gol cunha gran parada a Rubén. De haí ó final, pouco máis que salientar. Ambos equipos deron por bo o resultado e o luminoso xa non se movería. Con este resultado, os vermellos sitúanse na terceira praza con 20 puntos, os mesmos que o Sanxenxo, que é segundo, e que o Bande, cuarto clasificado. Por diante como actual líder, o Estradense, a tan só un punto. Moita igualdade na cabeza da táboa e agora a pensar no Pontellas, rival que marcha colista e que visitaremos o vindeiro domingo.
Preme sobre a imaxe para visualizar a reportaxe fotográfica do partido.