UD Ourense 2-2 Atlético Arousana: As vermellas mereceron mellor premio

con No hay comentarios

Empate da UD Ourense nun encontro no que foron moi superiores ao Atlético Arousana, terceiras clasificadas. Un tanto no 93 privou as pupilas de Rubén García de sumar 3 puntos. Gran imaxe e bo público en Os Remedios para ver fútbol feminino. Nerea e Emma fixeron os tantos das ourensás.

Ó igual que ocorrera na primeira volta en terras arousanas, a xustiza futbolística non fixo acto de presenza fronte o Atlético Arousana. O Ourense foi moi superior a un rival que chegaba na terceira praza e concedendo moi poucos tropezos. As ourensás xogaron con moita coraxe e cun fútbol moi ofensivo que deu o seu resultado en forma de 2 goles,  controlando perfectamente o encontro e dando unha gran imaxe. O tanto no 92 deixou un sabor agridoce nas vermellas.

As pupilas de Rubén García sairon ó campo coa novidade de Feijoo, que regresaba tras lesión. O primeiro achegamento tivoo Loh, pero o colexiado invalidou a xogada por fora de xogo, polo que a zagueira vermella non puido culminar unha xogada encamiñada á portería.

Controlaban o encontro as ourensás, que dominaban o coiro e embotellaban ó seu rival na área. Laura tivo o primeiro cun remate que se estrelaba no pau tras unha boa asistencia de Nerea. Foi a antesala do gol vermello, coas mesmas protagonistas, pero cos papeis cambiados. Desta vez era Laura a que se adentraba na área e habilitaba para Nerea, que dende fóra da área conectaba un forte disparo imparable para a meta rival, .

O gol espoleou as nosas, que tiveron unha nova ocasión nas botas de Zaira, pero o coiro rexeitabao a gardarredes cun auténtico paradón. Cando mellor estaban as nosas e todo parecía encamiñado antes do descanso, chegou o tanto das visitantes, cun golazo lonxe da área, obra de Miriam. Pese ó gol, as nosas voltaron gozar dunha nova oportunidade antes do pitido do colexiado, pero Pacy non acertou a rematar entre os 3 paus.

Tralo paso polos vestiarios, Rubén García moveu ficha e deu entrada a Emma, en detrimento de Zaira. Ao comezo da segunda metade, Noelia exhibíase cun paradón para evitar o segundo das visitantes, que comezaban a chegar algo máis co paso dos minutos.

No 56 chegaba o tanto de Emma, tras unha gran xogada de Celia, que habilitaba á dianteira. Tralo gol, as nosas gozaron dalgunhas oportunidades para ampliar a vantaxe, pero non foron quen de anotar. As visitantes acadarían o empate no 92, co tempo regulamentario xa cumprido arrabuñando así un punto.

Comentar o bo traballo e esforzo das nosas, nunha bochornosa e calorada tarde, que tanto as que saíron dende o inicio coma os trocos de refresco: Emma, Celia, Andrea, Aldara e Noa, deron a cara e mereceron unha vitoria ante un dos millores equipos da categoría.

As nosas conservan a sétima praza con 2 e 3 puntos de vantaxe sobre as súas inmediatas perseguidoras. A vindeira semana visitamos precisamente a unha delas, o Victoria CF «B».

Preme na seguinte ligazón e visualiza a reportaxe fotográfica do encontro

equipo