A UD Ourense supera con contundecia ó Valladares, cun resultado de 3-0 no Couto. Josu, Hugo e Xoel foron os autores dos tantos vermellos, que aproveitan os tropezos dos seus perseguidores para afastalos a 3 puntos.
As pantasmas afástanse de O Couto despois do triunfo dos vermellos sobre o Valladares. Unha vitoria moi traballada e loitada dende o comezo ante un rival que deu guerra e que a pesares do resultado, obrigaron aos de Fernando Currás a suar para acadar un valioso triunfo. 3 puntos de ouro que sitúan aos ourensáns nunha posición privilexiada na táboa, con 3 puntos de vantaxe sobre Bande, Moaña e Porriño e a 4 do líder, un Estradense que visitarán a vindeira fin de semana.
Antes do comezo do partido, tivo lugar a entrega dos trofeos das ligas dos nosos patrocinadores principais, TAR e COSAGA, como mellor xogador e xogadora da primeira volta, elixidos pola afección. Loh sería a gañadora por parte do equipo feminino, mentres que Alfredo o sería por parte do masculino.
O partido arrincou sen un claro dominador e con poucas ocasións. Co paso dos primeiros minutos, os visitantes repregánronse en busca de aguantar as primeiras acometidas locais, que sen embargo tardaron en chegar, dado o bo posicionamento defensivo dos locais, que non concedían oportunidades. Foi o Valladares, tras aproveitar unha contra cun balón ás costas da zaga, o que tivo a primeira ocasión. Mintegui plantábase só ante Pato, pero Corzo chegaba para abortar a ocasión.
Sería o dianteiro o que voltaría dispoñer dunha boa ocasión á saída dun saque de curruncho. O seu remate marchaba desviado da meta de Pato. Os vermellos replicaban con timidez, aínda que controlaban a posesión. Josu e Alfredo serían os protagonistas do primeiro tanto vermello, nunha asociación na banda dereita que esnaquizaba a muralla implantada polo Valladares e que deixaba ao zagueiro vermello nunha posición envexable, na que se sacou un tiro cruzado para inaugurar o marcador.
Tan só dous minutos despois, Hugo faría o segundo o cazar un coiro na área. O dianteiro enviaba o esférico ao fondo da rede e deixaba o partido prácticamente visto para sentenza. Co 2-0 os unionistas adicáronse a tocar con tranquilidade e controlar un partido que custou abrir.
Na segunda metade, máis do mesmo, cun Valladares que tardou en propoñer algo en ataque e cos locais controlando o coiro ata o final do encontro. As ocasións tardaron en chegar, pero antes houbo oportunidades para ver a entrada de varios xogadores. Vieytes debutaba ca elástica vermella os poucos minutos de iniciarse o segundo acto. Os xuvenís Carlos e Xoel tamén tiveron a súa oportunidade e serían os protagonistas do terceiro. Gran arrincada de Xoel, que combina con Carlos, que rompe a varios rivais e asiste novamente ó xoven dianteiro, que definiu á perfección.
Moi bo partido e imaxe ofrecida ante a afección, que na vindeira xornada se desprazará en masa, para acompañar ó seu equipo na súa visita ó campo do líder, o CD. Estradense.
Preme sobre a imaxe para visualizar a reportaxe fotográfica do partido:
Rolda de prensa
O adestrador da UD Ourense, Fernando Currás, comparece ante os medios para falar da vitoria acada polos seus por 3-0 sobre o CD Valladares, no inicio da segunda volta.
O adestrador do CD Valladares, Juan Davila «Juanete», comparece ante os medios para falar da derrota do seu equipo por 3-0 diante da UD Ourense