A UD Ourense supera ao Estradense por un contundente 4-0 coa bancada de tribuna ateigada de siareiros ourensanistas. Joni, Alfredo, Unai e Pignol en propia porta, foron os autores dos goles. Gran ambiente e victoria que vale o seu peso en ouro no debut no estadio de O Couto esta tempada.
Non era un domingo calquera, era un día de reencontros e de voltar a sentir a maxia do fútbol no estadio de O Couto. A UD Ourense presentábase en partido oficial ante a súa afección, esa que durante 4 anos leva percorrendo os campos da provincia movidos por un sentimento, o ourensanismo. Tocaba darlles unha alegría e non houbo mellor maneira de facelo que con un contundente 4-0. O público respondeu con ringleiras de afeccionados esperando para retirar os seus carnés e incluso para facelos, nun día no que xa se superaron os 1.000 abonados, cifras moi boas e que veñen a amosar que o equipo engancha.
Coa bancada enchéndose, a pesares de que as nubes ameazaban con descargar e fixérono antes do inicio, deu comezo a contenda. Os primeiros compases estiveron marcados pola intensidade e as desputas por facerse coa posesión. Pouco a pouco, os pupilos de Fernando Currás foron tomando a iniciativa e o Estradense deu un pequeno paso atrás, aínda que tamén buscou sorprender aos ourensáns.
O técnico apostou por dar entrada a Germán no eixe da zaga, acompañando a Pablo Corzo, Codeso pasou ao lateral esquerdo e Luis ocupou o posto de mediocentro defensivo. Por diante Omar e Fran Martínez encargáronse da creación, deixando o tridente habitual en ataque con Joni e Alfredo nas bandas e Hugo no ataque. A primeira ocasión de perigo chegou nun remate de Fran Martínez, logo dun centro de Joni, que rompeu a varios rivais e colocou o balón na testa do mediocentro, aínda que Coke rexeitou o coiro evitando o primeiro.
Buscaban os vermellos a banda de Joni, que foi un continuo crebadeiro de cabeza para zaga do Estradense. O ex do Ribeiro foi un dos mellores ao igual que Fran Martínez, co que se asociou á perfección. Transcorrían os minutos e chegaban as ocasión, primeiro nun remate de Hugo que se marchaba desviado. Percutían e movían o balón os nosos, namentras nas bancadas se escoitaban berros de fútbol de salón. Moito toque e combinación e unha nova ocasión que non acertaba a rematar á porta Joni, logo dun disparo á media volta.
O Estradense tentabao tamén con tímidas aproximacións, pero non puxo en perigo a Pato, que apenas tivo traballo na primeira metade. Luis González probou fortuna nun lanzamento de falta, pero o seu remate marchouse por enriba do longueiro. Pasaban os minutos e achegabámonos ao descanso, cando chegou o primeiro tanto do Ourense. Omar combinaba con Fran Martínez, que de primeiras habilitaba a Joni, que no mau a mau ante Coke non perdoaba. Un gol deses que chaman psicológicos, xa que chegou a 4 minutos para o tempo de lecer.
O Estradense sae a polo empate e Hugo sentencia
Tralo paso por vestiarios o conxunto dirixido por Alberto Mariano deu un paso adiante e arrinconou aos vermellos na súa área. Os da Estrada gozaron de varias oportunidades para igualar a contenda, namentras os locais parecían adormecidos tralo tempo de lecer. Óscar Boo e Jorge gozaron de dúas boas ocasións e Pato tivo que desbaratar un balón dividido que se envelenaba e a punto estivo de ser cazado por un xogador do Estradense.
Cousas do fútbol, cando peor o estaban pasando os locais, chegou o segundo tanto da tarde e á postre un gol vital para frear o ímpetu visitante. Fran Martínez marchaba pola banda e tras desfacerse do seu marcador centraba ao corazón da área. Ahí aparecía Hugo para meter o pé e anotar a pracer, tamén a bota de Pignol, que toca primeiro, antes que o dianteiro, ainda que este sentencia a Coke. Non o entendeu así o colexiado, que concedeu o tanto en propia porta.
O tanto espoleu aos locais e rematou por afundir as opcións do Estradense, que se viu abaixo e recibiu un pouco máis de castigo. A partir de ahí, vendaval ourensanista en busca do terceiro e varios trocos para refrescar as pernas. Hugo e Fran marchaban ovacionados e deixaban o seu sitio a Unai e Julio Martínez. Joni puido anotar o terceiro nunha contra comandada por Unai, pero non chegou a conectar co balón, o extremo deixou o seu sitio a Carlos e tamén se levou o recoñecemento da bancada de O Couto.
Achegábase o partido aos minutos finais, pero ainda había tempo para máis. Carlos rompía ao seu marcador e deixaba o coiro para Alfredo, que centraba á área, Unai conectaba un remate, pero o coiro era repelido por Pignol coa man, o que lle costaba a segunda amarela. Alfredo foi o encargado de transformar a pena máxima. A bancada do Couto era un ruxido e a festa total. Unai facía o definitivo tras unha gran asistencia de Josu e a comunión equipo afección convertíase en total.
Victoria balsámica e contudente dun Ourense que amosa as súas armas ante os seus e volca a unha afección que non fallou á cita. 3 puntos para estrear no casilleiro e moi boas sensacións. O domingo as 18:30 horas, nova oportunidade ante os nosos para seguir sumando, o rival o Caselas. Agradecer ao Estradense a súa visita e desexarlle sorte para o que resta. Un rival que se dúbida será dos que estén arriba ao final de tempada.