UD Ourense – SD Nogueira: Xornada solidaria para consolidar a vantaxe

con No hay comentarios

A UD Ourense quere consolidar mañá a vantaxe obtida logo do importante triunfo na capital da Baixa Limia e a derrota do Sanxenxo en campo do Moaña.

Quixo o destino que os tres derbis provinciais da tempada coincidisen de maneira consecutiva no calendario para a UD Ourense. Logo de acadar a victoria ante o Ribeiro e o Bande tentarán os vermellos completar o pleno de victorias no que será un derbi inédito, xa que se enfrontarán por primeira vez na curta historia do club ao Nogueira de Ramuín.

Será esta unha xornada moi especial, non tanto polo interese que sempre suscita un derbi, senon polo seu marcado carácter solidario. O estadio do Couto acollerá varias iniciativas solidarias nunha xeira que coincide coa festividade dos magostos.

Ademáis de colaborar novamente coa Asociación Amencer na recollida de alimentos non perecedeiros que esta asociación distribúe entre as familias máis desfavorecidas, haberá unha fila cero e destinarase a metade da recadación das rifas aos concellos de Carballeda de Avia e Melón que foron dramáticamente afectados polo lume. Tamén se recollerá roupa para as familias que o perderon todo.

No plano deportivo, o Nogueira acude ao Couto coa imperiosa necesidade de puntuar logo de acadar tan só 2 puntos dos últimos 30 disputados, o que os sitúa en posición de descenso á primeira autonómica. O técnico Abel Afonso, que leva 3 semanas á fronte do equipo de Luintra, fixo debutar a pasada xornada aos 3 reforzos procedentes do Valenzá, Javier, Bryan e Andrés. Bruno, outro reforzo que se incorporou fai 2 semanas procedente da propia UD Ourense, non poderá disputar este partido.

Os de Currás tratarán de conseguir 3 novos puntos que lles permitan consolidarse no segundo posto e mesmo recurtar distancias co Estradense que recibe ao Erizana de Baiona. Codeso, que participou en todos os partidos de liga disputados ata o de agora, está apercibido de sanción logo de ver o seu cuarto cartón amarelo fronte ao Bande.

Partido para para volver a encadear 3 victorias 2 meses despois da racha de 4 triunfos fronte a Estradense, Caselas, Porriño e Beluso ante un Nogueira que chega coa auga ao pescozo e buscará escapar do pozo do descenso.