“Parece ser que van a abrir Preferencia”, comentaba un espectador. “A bancada está chea, acabo de vermas e desexalas para chegar ata aquí, si que te escondiche”, respondíalle outro. Restaban ainda 40 minutos para o comezo dun partido que quedará grabado nos anais históricos do fútbol provincial.
Foi un día para os nostálxicos, para todos aqueles que fai case catro anos, despedían ao seu amado Club Deportivo Ourense. Foi un día de reivindicacións, no que a xente amosou que Ourense non só respira fútbol, senon que aspira a voltar a contar cunha masa social fiel entorno ao seu equipo e que supere os 2000 socios. Durante anos amosamolo polos campos provinciais, Pontevedra xa coñece tamén os nosos siareiros.

A UD Ourense viña de facer historia en tódalas categorías polas que pasou nos case catro anos de vida da súa historia, a Preferente non ía ser diferente. Durante a semana anterior, as redes sociais, os foros, os bares, a prensa, todos falaban do que moitos xa calificaban como o encontro da tempada non só no fútbol provincial, senón tamén na categoría.

Agardábase un sábado de festa do fútbol provincial en O Couto e non defraudou. Máis de 2.600 persoas congregáronse no templo do ourensanismo. Nese santuario futbolístico que tantas alegrías está dando a toda una afección que segue crecendo e que este sábado voltou a captar a novo público potencial.
As ringleiras eran una constante nas taquillas. Ninguén quería perderse tan importante cita. “Parece que se vai encher”, apuntaba un afeccionado que esperaba a recoller o seu ticket. “Xa non lembraba estas colas, parece que xogamos en Segunda “B”, apuntillaba outro un pouco máis adiante. A ringleira dobraba a esquiña das taquillas en dirección a Preferencia.

O contraste do xentío tamén se vislumbraba nos accesos á grada de Tribuna. Unha hora antes, eran centos os que accedían en busca dunha localidade, que pouco a pouco era máis difícil de atopar. “Vaia ambientazo, é espectacular, recórdame a épocas pasadas”, apuntillaba un histórico nas bancadas de O Couto.
“Carallo Manolo, hoxe sí que hai xente, case non dou aparcado”, mencionaba un dos máis veteráns da bancada e habitual tanto na casa como fóra. “Home, hoxe temos que gañar”, respondíalle o seu compañeiro de aventuras futbolísticas. Namentras, a xente xa ateigaba tribuna e comezaba a acceder a Preferencia. Foi o momento da tarde, o de amosar o poderío do fútbol popular na cidade. A chamada do Ourense era recollida polos ourensás, que seguían accedendo ao campo a moreas.

O ambiente era un luxo. Bandeiras, bufandas, camisetas, cánticos, gritos e o encontró comezaba con xente ainda accedendo ao estadio. Tribuna chea, Preferencia lucindo unha media entrada e ata houbo uns valentes que accederon á grada de fondo, que tamén quixo ser partícipe de día tan histórico.
Os minutos transcorrían e a xente víñase arriba ao berro de “Ourense, Ourense”. Non faltaban os tradicionais “que sí joder, que imos ascender” ou o “voltaremos á maldita Segunda B”. A xente saltaba dos seus asentos coa cambadela de Cristian Presas sobre Adrián Presas, a tensión era palpable, todos eran conscientes do que se xogaban os nosos, pero unha vez máis e dando exemplo de deportividade, non houbo ningún incidente, a deportividade, como sempre, reinou na nosa casa.

Co público animándose co ritmo das melodías de Songoku e o Equipo A, comezaba a segunda metade. Co paso dos minutos, a tensión e os nervos facíanse máis latentes, ata que Joni fixo estalar as bancadas. O ruxido escoitouse en toda a cidade, un ¡GOOOOOOOOOOOOOOL! xeralizado, deses que se escoitaban nas nosas rúas cando o noso equipo xogaba en Segunda.

O sábado foi o día da reivindicación, foi o día de amosar poderío, foi o día que se voltou amosar que a UD Ourense move cada vez máis fieis, que a xente quere o equipo e que o equipo responde. A Terceira está una xornada máis preto, o sitio que como mínimo corresponde a esta parroquia, fieis nas boas e nas malas, capaces de acudir ao campo de Os Chaos e tamén de voltar a batir récords de afluencia nun partido de categoría non profesional na nosa provincia. Ourense respira fútbol, Ourense respira o aroma da UD Ourense.
A tarde rematou con colas e atascos para abandoar O Couto, pero xa daba igual, a festa era total ca vitoria e con 3 puntos que animan a soñar.