Terceira tempada na historia da Unión Deportiva Ourense e terceiro ascenso consecutivo. Xa asomamos a cabeza na Preferente Autonómica, antesala do fútbol nacional. E lográmolo a falta de seis xornadas para o remate da competición ao gañar ao Velle, terceiro clasificado, por 2-0.
Como era de agardar ambientazo por todo o alto no Couto, coa tribuna ateigada de público que disfrutou dun novo ascenso de categoría. E tamén como era de esperar o Velle non o puxo doado. O primeiro tempo foi de moita pelexa e loita. As mellores ocasións foron ourensanistas, aínda que poucas si que foron claras, mentres que o Velle esgotou case todas as súas enerxias na contención e na presión e apenas se achegou ás inmediacións de Lucas Sierra.
Otero, Unai e Rubén Durán puxeron a proba ao porteiro visitante, que respondeu con acerto. Con dominio local e cero a cero no marcador chegouse ao descanso.
Ese resultado non servía para acadar o obxectivo ante os siareiros ourensanistas e na segunda metada tocaba asediar a porta de Viana na procura do gol do ascenso. Ao cuarto de hora susto na porta ourensanista que solventa Lucas Sierra e na contra Unai envia o balón ao longueiro.
O gol mascábase no ambiente do Couto. As ocasións eran continuas ante o gardamallas Viana e pasou o que tiña que pasar. Despois de varios rexeites do porteiro e defenas visiantes o coiro chégalle a Rubén Durán que fai o 1-0 de disparo duro e raso. Ledicia no Couto que xa se via na Preferente. Era o minuto 69.
Os ourensanistas non se conformaron con este gol e seguiron buscando o segundo tanto, o da tranquilidade. Despois de varias ocasións erradas volveu aparecer Rubén Durán para facer o 2-0 en gran xogada persoal. Quedaban tres minutos e a festa xa era total no Couto. No último minuto Rubén Durán é sustituído para recibir o aplauso da bancada que o despide posta en pé.
Co final do partido desbordouse a ledicia e a festa no Couto. O champán volveuse a escorchar e agora a loitar co Bande polo campionato, estamos a dous puntos tralo seu empate en Cortegada (2-2) e pola clasificación para as semifinais da Copa Deputación, 0-2 na ida, pero aínda todo é posible.
Alineación: Lucas Sierra; Otero, Tito Currás, Julio Martínez, Senén; Aitor (Xurxo, 76´), Omar; Fran Martínez, Rubén Durán (Sergio, 89´), Cristian (Adrián, 65´) e Unai (Xaco, 79´).
Fotos: Yedra Seara