Xuventude e fisioterapia para pechar o plantel feminino

con No hay comentarios

A sección feminina dirixida por Rubén García pecha o plantel coa chegada de Paula Pérez e Celia Sousa procedentes do Verín e do Maceda. Adolfo Barbosa súmase ao staff técnico como novo fisioterapeuta da sección.

A UD Ourense Feminina xa está ao completo e salvo novidade de última hora, non realizará máis incorporacións. A entidade segue apostando pola xuventude e suma dúas novas xogadoras en idade cadete para reforzar a súa idea de futuro e de curtir as novas talentos da provincia.

Celia Sousa chega procedente do Verín CF, que compaxinaba coa súa presenza no Ourense Envialia de Fútbol Sala. Xogadora de 14 anos de idade e que acude a adestrar dende a súa vila, todo un xesto de esforzo e amor polo club. Actúa de defensa e desta forma chega para reforzar unha das posicións nas que faltaba un reforzo. Rubén García destacou que “esta nova incorporación dannos un revulsivo de cara ao futuro e permitiranos fórmala e que teña unha boa oportunidade para ir collendo experiencia”.

Paula Pérez procede do CD Maceda e tamén acude aos adestramentos dende esta vila. A súa posición é a de cancerbeira e ten 13 anos, todo un luxo para o clube, que só contaba cunha xogadora neste posto. O técnico afirmou que “ven a última hora, tentámolo o ano pasado, pero esta vez tras falar co seu adestrador, Toño, conseguimos a súa incorporación para un posto que é moi difícil cubrir no fútbol feminino.

A última incorporación é a de Adolfo Barbosa, un ourensanista de pro, socio fundador do clube e que leva sentindo o equipo dende que ten uso de razón. Achegará a súa experiencia no mundo da fisioterapia, para desta forma nutrir a sección feminina dunha persoa específica nesta materia. Adolfo destacou que “é unha actividade para a que me preparei e que me encanta, así que vou facer o que máis me gusta no clube do meu corazón”.

Con estas tres incorporacións dase por pechado o plantel, aínda que non se pecha a porta a novas futbolistas que queiran sumarse á entidade, nin a colaboradores que se sumen o proxecto ourensán. Todo o que sexa sumar, é benvido.