
27-6-14
Non se pode entender a Unión Deportiva Ourense sen Club Deportivo Ourense. No triste verán de 2014 consumouse o fatídico destino do histórico club vermello. Sumido nun mar de débedas, esquecido totalmente polos máximos accionistas e as institucións só os seareiros intentaron por todos os medios a súa salvación.
Organizados na Plataforma SOS CDOurense os seareiros intentaron que o un club con 62 anos de historia non desaparecera. Sen embargo os seus intentos caeron en saco roto e Club Deportivo Ourense foi descendido administrativamente e posteriormente foi retirado da competición, entrando no proceso de liquidación.
Os membros da Plataforma e os seareiros, fracasado o seu intento de salvación de C.D.Ourense, seguiron reuníndose no emblemático campo do Couto buscando unha alternativa para seguir disfrutando do fútbol e para que a lembranza de Club Deportivo Ourense non quedará no esquecemento.
Por votación popular decidiron fundar un novo club de fútbol co nome de Unión Deportiva Ourense, sendo asinada a súa acta fundacional o día 10 de xullo de 2014. Inmediatamente despois o club foi inscrito no Rexistro de Entidades Deportivas da Xunta de Galicia e na Federación Galega de Fútbol.
Nacía así un club de fútbol propiedade dos seus socios, democrático e aberto a todos os que quixeran formar parte do proxecto.
En posteriores asambleas realizadas no Salón de Actos do Centro Cultural Marcos Valcarcel elexiuse por parte dos seareiros ás cores e o escudo de entre as propostas feitas polos propios afeccionados.
O club quedou encadrado no grupo 13 da 3ª Autonómica comezando unha frenética actividade para formar o cadro de xogadores e por en marcha o club. A parcela deportiva foi asumida pola Asociación de Ex xogadores de C.D.Ourense, tanto no que se refire ao primeiro equipo como á base. Antonio Dacosta, involucrado no proxecto desde o primeiro momento, foi nomeado entrenador do primeiro equipo e Perfecto Rodríguez “Peluso” coordinador da base.
Deseguida se sumaron ao proxecto ex xogadores de C.D.Ourense para formar o cadro de xogadores. Varios deles xa retirados pero que volveron a calzarse as botas por defender un sentimento. Nomes gloriosos da historia de C.D.Ourense como Adolfo, Ramón Dacosta,Santi ou Víctor Arias volveron a actividade. Tamén os seareiros se volcaron co novo club conseguindo en poucos días máis de 200 socios.
O primeiro adestramento tivo lugar na Universidade o día 11 de agosto. Nos seguintes días completouse o cadro de xogadores con moitos homes que pasaron por C.D.Ourense ou polos seus equipos inferiores. O novo club xa era imparable.
A Unión Deportiva Ourense xogou o seu primeiro partido, de carácter amigable, ante o Barbadás, club de 3ª división, o día 28 de agosto no campo dos Carrís. Venceron os locais por 5-0.
O debut oficial tivo lugar o 31 de agosto, nun día de calor infernal, nun partido da Copa Deputación B ante o Santa Teresita de 2ª Autonómica no campo dos Remedios. Foi a primeira vitoria da Unión Deportiva Ourense, que gañou por 3-1 clasificándose para a seguinte ronda da Copa. Adolfo foi o autor do primeiro gol da historia do club.
A estrea na liga chegou o 14 de setembro ante o Athletic Club Razamonde, tamén nos Remedios. Os unionistas golearon por 8-0 iniciando unha liga da que lograrían o campionato e o correspondente ascenso uns meses máis tarde.
Outro acontecemento importantísimo na curta historia do club foi conquerir xogar os seus partidos no campo do Couto. Ata preto da final da primeira volta o campo empregado como local foi o Campo Miguel Ángel dos Remedios, un recinto que enseguida se quedou pequeno para a numerosa afección que acudía aos partidos.
Despois de longas negociacións coa Xunta de Galicia, propietaria do campo do Couto, conseguiuse a súa cesión. A volta a casa foi o 21 de decembro, no penúltimo partido da primeira volta. O rival o Palmés. O ambiente no estadio foi excepcional con máis de 1.500 seareiros nas bancadas, os cales asistiron ao triunfo da Unión por 7-1 sobre o segundo clasificado.
A primeira tempada do club culminaría co ascenso a 2ª rexional o 7 de marzo de 2015 no campo de Maside onde venceu por 0-8 ao Piñor. Conseguiría así o obxectivo a falta de 7 xornadas para rematar a liga, que finalmente completaría cun pleno de 28 victorias en 28 partidos. Posteriormente alzaríase tamén coa supercopa ao impoñerse por 3-0 no Couto ao Raio Alaricano, campión do outro grupo provincial da categoría.
A seguinte campaña comezaría quebrándose a racha de imbatibilidade en liga cunha derrota en Arnoia por 2-1 na primeira xornada. Esta derrota supuxo o inicio dunha crise de resultados xa que na xornada 3 o equipo caía derrotado en Loñoá por 2-0 e na seguinte perdía a imbatibilidade no Couto ao caer ante o Santa Teresita por 2-3. Deste xeito caía ata o posto 14 na liga con tan só 3 puntos en 4 xornadas polos 10 que sumaban Santa Teresita e Arrabaldo que colideraban o campionato. Pero os homes de Dacosta ainda non tocaran fondo. Na 7ª xornada visitaban ao Amoeiro e eran superados novamente por 2-0, ampliándose a distancia con Arnoia e Amoeiro, que marchaban na primeira posición, a 9 puntos. Esa sería a última derrota da tempada, xa que nos 27 partidos que restaban acadaríanse 25 victorias e 2 empates, conseguindo a segundo ascenso de categoría consecutivo o 10 de abril de 2016 cunha victoria ante o Arrabaldo por 3-2 a falta de 5 partidos para rematar a tempada.
Na tempada 2015-2016 conquistariase o primeiro doblete da historia acadando o título de liga de 2ª rexional e a Copa Deputación B.
Comezaba o seu 3º período a Unión Deportiva Ourense na 1ª rexional colocándose líder cunha victoria por 0-6 en Maside, pero nesta tempada atoparía no SD Bande un duro contrincante polo título. O 2 de abril de 2017 acadaba o ascenso á Preferente ao vencer no Couto ao Peroxa por 2-5 a falta de 5 xornadas para o final do campionato. Pero ainda quedaba por decidir o campión de liga na seguinte xornada ante o SD Bande con ambos equipos xa matemáticamente ascendidos á Preferente e separados por tan só 2 puntos. O equipo da capital da Baixa Limia alzábase coa victoria no Couto por 1-3 ampliando a vantaxe a 5 puntos que, a falta de 4 xornadas, sería xa definitiva.
O 10 de abril de 2018 producíase un novo fito histórico. Na xornada 31 da Preferente Sur visitaba o Couto a SD Bande empatada a 57 puntos coa UD Ourense na loita por acadar as prazas de ascenso directo a 3ª división. A espectación xerada por este encontro fixo que máis de 2600 persoas acudiran ao Couto obrigando ao club a abrir a bancada de preferencia por primeira vez na súa historia.
![]() | ![]() |
ASCENSO A 3ª DIVISIÓN
A xesta deportiva máis importante ata o momento producíase o 27 de maio de 2018 ao acadar o ascenso á 3ª división na última xornada da Preferente Sur no campo do Atios. O club culminaba así o seu cuarto ascenso consecutivo desde a súa fundación voltando á categoría nacional na que desaparecera 4 anos antes o CD Ourense.
![]() | ![]() |
Non podemos acabar este breve repaso a curta historia da Unión Deportiva Ourense sen facer referencia á afección. Este club non será nada sen o apoio da mesma. Un apoio que ata o de agora ten sido abrumador superando amplamente o milleiro de persoas socias e abonadas que non só acuden ao Couto a apoiar a escadra vermella, senón que tamén se desprazan co equipo para animar e estar ao carón dun club que é puro sentimento.